Nigran

Polémica en Nigrán: o PP denuncia que Juan González se atribúe os 4,7 millóns logrados polo anterior goberno

Os populares lembran que foi a administración de Alberto Valverde quen iniciou a reclamación xudicial á Zona Franca que permitiu ao Concello dispoñer destes fondos

O Partido Popular de Nigrán acusa ao alcalde Juan González de atribuírse como propios os 4,7 millóns de euros que financiarán a nova zona deportiva de Porto do Molle, cando en realidade foron conseguidos pola xestión do goberno municipal liderado por Alberto Valverde entre 2011 e 2015.

O pasado 27 de setembro o rexedor socialista anunciaba que a creación desta área deportiva se financiaría cos cartos procedentes da Zona Franca de Vigo, dos que aínda restan dispoñibles 4,5 millóns de euros. Sen embargo, desde o PP lembran que foi o seu goberno quen iniciou a reclamación xudicial contra o consorcio, culminando coa sentenza do Tribunal Supremo que obrigou ao pagamento desta cantidade ao Concello.

A portavoz popular, María José Pino, subliñou que “desde o Partido Popular de Nigrán estamos a favor de ofrecer á veciñanza unhas instalacións deportivas suficientes, axeitadas e en bo estado de mantemento. Toda inversión feita con rigor e que atenda a unha necesidade real contará co noso apoio”.

Con todo, denunciou que “como vén sendo habitual, desde o goberno municipal póñense medallas que non lles corresponden, obviando que a totalidade do orzamento para esta nova zona deportiva procede do traballo do anterior alcalde, o popular Alberto Valverde”.

Ademais das críticas á apropiación política dos fondos, os populares alertan sobre a falta de definición do proxecto, lembrando que primeiro se anunciou un pavillón subterráneo e logo se matizou que non tiña por que ser un recinto pechado. O PP tamén cuestiona o orzamento, que dependerá do resultado do concurso de ideas anunciado polo executivo local.

Por outra parte, os populares puxeron o foco no deficiente estado das instalacións actuais, como o Pavillón Municipal de Panxón —con continuas queixas dos usuarios— ou as pistas deportivas das Dunas de Gaifar, “en estado lamentable”.

Finalmente, reclamaron ao goberno municipal que actúe con máximo rigor para non repetir erros do pasado, lembrando a frustrada pista de atletismo de Porto do Molle, onde se malgastaron máis de 200.000 euros de diñeiro público sen resultado algún.