Plantando árbores con pinceis chega ao CEIP Fontes Baíña de Baiona
O proxecto educativo «Plantando árbores con pinceis», impulsado por Afundación, fará parada en Baiona o vindeiro 9 de abril co alumnado do CEIP Fontes Baíña como protagonista. A iniciativa combina arte e sostibilidade, implicando ás nenas e nenos na creación dun mural con temática ambiental nas instalacións do propio centro.
O estudantado empregará pinturas fotocatalíticas, capaces de absorber gases contaminantes, contribuíndo así a mellorar a calidade do aire e a crear espazos escolares máis saudables. Ademais do mural, a actividade complétase con talleres participativos como o pintado de bolsas de tea con mensaxes ecolóxicas e, como novidade nesta edición, un obradoiro de estampaxe centrado no coidado do medio ambiente.
A proposta forma parte do programa «Educación para a sostibilidade» da Obra Social de ABANCA e desenvolverase ata o 27 de abril en centros de toda Galicia, con máis de 1.300 escolares participantes neste trimestre.
Dende o seu inicio en 2021, o proxecto xa implicou a máis de 19.000 estudantes e docentes e permitirá acadar os 217 murais realizados en centros educativos galegos, consolidándose como unha iniciativa de referencia na educación ambiental a través da arte.
