Piratas de Nabia lembra a Domingo Villar no Día do Libro
Con motivo da celebración do Día do Libro, a navieira Piratas de Nabia quixo lembrar a figura do escritor vigués Domingo Villar, autor da exitosa novela O último barco (2019). A obra, ambientada na ría de Vigo, converteu o barco da liña regular Moaña – Vigo nun personaxe máis, facendo da embarcación un elemento narrativo cargado de emoción.
A compañía expresou o seu orgullo por formar parte do universo literario de Villar e recordou o emotivo acto de homenaxe realizado en 2022 a bordo do Pirata de Ons, pouco despois do falecemento do autor. Aquel tributo reuniu a familiares, amizades e lectores, que navegaron coa memoria do escritor entre as augas da ría que tanto amou.
“Porque hai historias que non se esquecen. E autores, tampouco”, lembran desde a navieira, compartindo imaxes do acto conmemorativo como parte da súa homenaxe neste 23 de abril.