Peitieiros decora as rúas con alfombras florais para as comuñóns nas festas da Virxe de Fátima
A parroquia de San Miguel de Peitieiros, en Gondomar, acolle este sábado 17 de maio a celebración das primeiras comuñóns coincidindo coas tradicionais festas na honra á Virxe de Fátima, un dos eventos máis sinalados do ano na contorna.
Como vén sendo costume, os pais e nais dos nenos e nenas que fan a comuñón, coa colaboración do Centro Cultural de Peitieiros, encargáronse da elaboración das alfombras florais que adornan as inmediacións da igrexa. A pesar de que hoxe participan menos nenos ca en épocas pasadas, veciños e familias manteñen viva esta tradición con traballo e dedicación. Antigamente, as alfombras estendíanse ata o cruceiro da estrada do cemiterio, pasando mesmo diante do colexio da parroquia.
As alfombras, feitas con flores, follas, serrín e outros materiais naturais, forman parte do percorrido da procesión da Virxe de Fátima, que se celebra despois da misa solemne das 12:30 horas.
A xornada festiva continúa durante o día, coa actuación da agrupación musical de Belesar, que ofrecerá un concerto tras acompañar a procesión, e culminará pola noite coa verbena a cargo de DJ Fercho e o Trío Arena, organizada pola Comisión de Festas de Peitieiros.