Gondomar

Paco Ferreira propuso a Baiona e Nigrán mancomunar a recollida do lixo para reducir custes, pero non secundaron a iniciativa

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, revelou no pleno municipal que propuxo aos rexedores de Baiona e Nigrán mancomunar o servizo de recollida do lixo co obxectivo de minimizar custos, mellorar o servizo e abaratar as taxas, pero asegurou que ningún dos dous alcaldes secundou a proposta.

Ferreira explicou que a idea permitiría optimizar recursos entre os tres concellos da comarca, mais lamentou a falta de apoio e o escaso funcionamento da propia Mancomunidade do Val Miñor, da que chegou a afirmar que “non sabemos para o que vale”. O rexedor lembrou ademais que xa expresara recentemente a súa vontade de abandonar a Mancomunidade se non se avanza na súa xestión.

O alcalde de Nigrán, pola súa parte, atópase nun proceso que leva anos de renovación do contrato de recollida, mentres que o Concello de Baiona está estudando a viabilidade do servizo municipal actual para determinar a solución máis axeitada.

Esta declaración de Ferreira prodúcese en plena polémica pola subida da taxa do lixo, que o alcalde cualificou de “inevitable”:

“Os números son claros: co que se recauda coa subida só pagamos a taxa de Sogama. Somos deficitarios en un millón de euros. Levamos moitos anos sen subir a taxa; estou a subírllela aos meus veciños, aos meus amigos, á miña familia e a min mesmo, e iso non é agradable”, subliñou.

Ferreira tamén cargou contra a xestión opaca de Sogama, e anunciou cambios na ordenanza municipal, xa que aínda existen vivendas que pagan só 16 euros anuais por ter os contedores afastados cando se aprobou a normativa, unha situación que —dixo— “xa é residual e vaise corrixir”.