BaionaGondomarNigran

Os veciños do Val Miñor cumpren co Banco de Alimentos na Gran Recollida

Un ano máis, o Val Miñor volveu demostrar o seu compromiso solidario. Case un cento de veciños e veciñas de Baiona, Nigrán e Gondomar colaboraron esta fin de semana na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo, que mobilizou a centos de voluntarios por toda a provincia co obxectivo de recadar produtos de primeira necesidade para familias en situación de vulnerabilidade.

Os voluntarios miñoráns distribuíronse por diferentes supermercados da comarca, entre eles o Froiz de Gondomar, Baiona e Sabarís, o Eroski de Porto do Molle ou o Gadis da Ramallosa, informando aos clientes e recollendo as súas doazóns. A resposta foi, segundo sinalaron dende a organización, “excelente”, tanto pola cantidade de produtos recadados como pola colaboración do comercio local e da cidadanía.

Dende o Banco de Alimentos destacaron a implicación dos concellos do Val Miñor, que cada ano se suman a esta iniciativa solidaria, e agradeceron o esforzo das persoas voluntarias que dedicaron o seu tempo a apoiar unha causa que, máis ca nunca, resulta esencial para moitas familias.

A Gran Recollida é unha das campañas máis importantes do ano para o Banco de Alimentos, e todo o material recadado nestes días permitirá reforzar o abastecemento dos almacéns e atender as necesidades básicas de miles de persoas da área de Vigo e comarca.