Os taxistas abrazan o servizo común do Val Miñor pero alertan da ameaza das VTC
O colectivo de taxistas do Val Miñor deu a súa benvida á iniciativa de establecer un servizo común de taxi acordado polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán a través da Mancomunidade, que busca mellorar a cobertura e a eficiencia do servizo na comarca.
Ao mesmo tempo, os taxistas mostran a súa inquedanza pola presenza de vehículos de transporte con condutor (VTC) nas rúas da comarca, en especial durante os meses de verán. Segundo explican, a normativa galega establece que estes vehículos só poden realizar servizos interurbanos, polo que a súa actividade dentro dos municipios supón unha competencia desleal e un risco para o sector, e animan os usuarios a denunciar estas situacións.
As policías locais dos tres municipios colaboran cos taxistas para identificar posibles infraccións de VTC. Calquera incidencia será trasladada á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para a tramitación de posibles sancións.
Mentres tanto, a iniciativa do novo servizo común permitirá reforzar a presenza dos taxis locais e garantir que os cidadáns dispoñan dun transporte seguro, eficiente e legal en toda a comarca do Val Miñor.
