Os socialistas de Tomiño afondan na violencia machista no rural nunha charla polo 25N
O PSdeG-PSOE de Tomiño celebrou o 26 de novembro unha charla-coloquio centrada na violencia machista no rural, no marco dos actos conmemorativos do 25N. O encontro contou coa participación de Rosa Arcos Caamaño, ex presidenta de Fademur Galicia e actual secretaria xeral e directora de proxectos da entidade, figura destacada do feminismo galego e do asociacionismo rural.
A secretaria xeral da Agrupación Socialista deu a benvida ás persoas asistentes, lembrando a importancia de erguer a voz fronte aos discursos negacionistas que poñen en risco a vida das mulleres. Alertou tamén dos perigos dos recortes en políticas de igualdade, como os acometidos pola Deputación de Pontevedra, que —sinalou— reducirán recursos especialmente nos núcleos rurais.
A secretaria de Igualdade da Executiva Municipal, Nandi de Santiago, presentou e moderou o acto, destacando o amplo currículo de Arcos Caamaño e incidindo en como o territorio condiciona a forma na que se percibe e se afronta a violencia machista. Subliñou a urxencia de que as administracións doten ás mulleres do rural de medios e ferramentas eficaces para abandonar situacións de violencia.
Rosa Arcos expuxo datos da Actualización da Enquisa sobre a Percepción da Violencia de Xénero no Rural, que reflicten unha realidade preocupante:
– As mulleres do rural galego séntense desprotexidas.
– Menos dun terzo dos concellos galegos contan cun CIM.
– Máis do 47 % das vítimas leva máis de 10 anos sufrindo violencia.
– O 62,5 % dos asasinatos machistas en Galicia desde 2020 producíronse en municipios de menos de 20.000 habitantes.
A sesión rematou cun coloquio distendido, no que a ponente respondeu preguntas e compartiu un viño galego co público, que a convidou a regresar “porque soubo a pouco”.
