Oleada de cancelacións en restaurantes e hoteis do Val Miñor debido ao mal tempo.
A borrasca que afecta Galicia provoca unha vaga de cancelacións de última hora en establecementos hostaleiros e empresas de actividades da comarca.
O temporal que golpea o Val Miñor nos últimos días está a deixar un regueiro de cancelacións nos sectores turístico e hostaleiro. A choiva persistente, unida ás malas previsións para a fin de semana, provocou que moitos visitantes anulasen as súas reservas en hoteis, restaurantes e escolas de surf de municipios como Nigrán, Baiona ou Gondomar.
Desde un dos hostais de Patos, lamentan especialmente o impacto das cancelacións de última hora: “Ao non cobrar nada no momento da reserva, cando chegan días así tócanos asumir o golpe. Tiñamos todo completo e agora hai habitacións baleiras que xa non se cobren”, explica un responsable do establecemento. A situación repítese en moitos outros negocios que, confiando nas boas previsións iniciais, prepararanse para unha fin de semana de alta ocupación.
O sector da actividade deportiva tampouco se libra. As escolas de surf da zona cancelaron as clases previstas debido ao mal estado do mar e á ausencia de alumnos, moitos dos cales decidiron non desprazarse pola climatoloxía. “Era unha fin de semana clave para comezar a tempada, pero así non se pode traballar”, comentan desde unha escola da praia de Patos.