Oia recupera a memoria colectiva do pobo a través dun proxecto audiovisual con entrevistas á veciñanza
O Concello de Oia puxo en marcha un proxecto audiovisual co obxectivo de rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva local, con especial atención á tradición oral e ao patrimonio cultural inmaterial.
A iniciativa, titulada “Novas cantigas oienses”, desenvólvese cunha metodoloxía participativa mediante entrevistas a veciñas e veciños das seis parroquias do municipio: Burgueira, Loureza, Mougás, Santa María de Oia, Pedornes e Viladesuso. O proxecto está dirixido polos profesionais do audiovisual afincados en Oia Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez, quen actualmente están a recompilar historias, contos e lendas, prestando especial atención á memoria viva das persoas maiores.
O traballo combina unha fase de investigación e documentación coa gravación de entrevistas persoais. Posteriormente, todo o material será analizado e reinterpretado artisticamente, para crear unha peza audiovisual que transcenda a mera proposta documental. O obxectivo é xerar unha experiencia estética e emocional, cunha atmosfera onírica onde se entrelacen os relatos, os rostros protagonistas e as paisaxes que os inspiran.
A iniciativa conta co financiamento da convocatoria de 2025 das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a entidades locais para a promoción do galego, así como con fondos propios municipais. Con este proxecto, o Concello quere impulsar o uso e a creación cultural en galego, salientando a riqueza dos xiros locais e das variedades lingüísticas do Baixo Miño, e defendendo a cultura local como acto de resistencia fronte á homoxeneización.
Este novo traballo audiovisual dálle continuidade á aposta municipal pola recuperación da memoria oral iniciada hai varios anos. De feito, na canle de YouTube do Concello están dispoñibles proxectos anteriores como “Memorias de Oia” e “Lembranzas doutro tempo”.
