Oia

Oia dá nova vida ao antigo cámping Pedra Rubia con un gran parque público sostible

O Concello de Oia avanza con decisión na execución de proxectos que apostan por un desenvolvemento sostible e respectuoso coa contorna. Un dos máis destacados é a transformación do antigo cámping Pedra Rubia, en Mougás, nun gran parque público destinado á veciñanza, visitantes e peregrinos.

A actuación, actualmente en fase de execución, permitirá recuperar unha parcela privada e convertela nun espazo multifuncional e accesible, situado á beira do mar, na zona do Aguncheiro, un enclave de gran riqueza paisaxística e histórica onde se conservan vestixios de salinas romanas. A presenza destes restos condicionará parte das obras, que poderán adaptarse ás indicacións dos organismos competentes en materia de patrimonio.

A alcaldesa, Cristina Correa, destacou que se trata dun proxecto “para recuperar un espazo privilexiado para o uso público, respectando a súa identidade e potenciando o seu valor paisaxístico e patrimonial”.

Con 1,41 millóns de euros de investimento, o Concello articula o financiamento a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) —enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España— e do Plan Extra 2024 da Deputación de Pontevedra, amosando a capacidade municipal para atraer fondos e executar proxectos de calidade.

Baixo a dirección da arquitecta e paisaxista María Fandiño, o deseño aposta pola integración paisaxística, a accesibilidade universal e a creación de zonas de uso diverso: piscina e solarium, área de fontes de chan, espazos infantís, pista polideportiva, aparcadoiro, bar, aseos e merendeiros, ademais de itinerarios accesibles que vertebran todo o recinto.

O proxecto inclúe tamén accións de renaturalización para recuperar a flora autóctona mediante pradeiras atlánticas, áreas arbustivas e taludes vexetados, reforzando así o valor ecolóxico do espazo e consolidando a aposta de Oia por un modelo de turismo sostible e de calidade.