Oia abre as portas do seu novo mercado á hostalaría nunha xornada especial
O Concello de Oia organiza este mércores, 17 de setembro, ás 17.00 horas unha xornada de portas abertas dirixida a profesionais do sector hostaleiro, co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e as instalacións do novo mercado municipal.
O inmoble, situado nun punto estratéxico ao carón da estrada xeral entre Baiona e A Guarda e moi preto do Camiño de Santiago, foi rehabilitado para converterse nun espazo multifuncional que combine arte, cultura e comercio. O novo mercado contará cunha zona de comercialización de produto de proximidade, un espazo de cafetería e unha área polivalente apta para actividades culturais e de lecer.
A intervención permitiu recuperar o edificio do antigo mercado, no centro do municipio, cunha actuación que destacou pola restauración da súa cuberta a oito augas, substituíndo a antiga estrutura metálica por unha de madeira. Conserváronse tamén as aberturas orixinais na fachada e na cuberta para garantir iluminación natural, á vez que se mellorou a conexión coa fachada marítima.
No interior, a reforma dotou o edificio dun espazo central diáfano e dunha bancada que permitirá organizar eventos con asistencia de público. O acceso poderá realizarse a través de catro portas, unha en cada fachada, reforzando así a súa funcionalidade como punto de encontro da veciñanza e visitantes.
