BaionaGondomarNigran

O Val Miñor supera os 14.000 quilos de alimentos na gran recollida 2025

A comarca de Val Miñor sumou máis de 14.000 quilos de alimentos durante a Gran Recollida celebrada os días 7 e 8 de novembro, superando os 12.000 alcanzados na edición anterior. Esta cifra intégrase nos máis de 325.000 quilos recollidos pola Fundación Provincial Banco de Alimentos a nivel provincial, froito das doazóns en supermercados, das achegas económicas ao pasar por caixa e das contribucións das cadeas de alimentación adheridas á campaña.

Grazas á resposta solidaria da cidadanía, a entidade poderá garantir o abastecemento dos seus almacenes de Vigo e Pontevedra ata a primavera de 2026, cubrindo as necesidades de máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade.

No Val Miñor, a campaña desenvolveuse en seis supermercados e contou coa participación de máis dun centenar de voluntari@s en Baiona, Nigrán e Gondomar. A eles incorporáronse usuarios do Centro Juan María, da Fundación Menela e, por primeira vez, membros da Federación de ANPAS de Val Miñor (Favalmi). A BRILAT encargouse da loxística do transporte e o chef Pepe Solla actuou como padriño desta edición.