BaionaGondomarNigran

O val miñor queda sen casamentos nos xulgados de paz: as parellas terán que pagar ou casarse nos concellos

Desde hoxe, os xulgados de paz do Val Miñor deixan de oficiar vodas civís debido á entrada en vigor da nova Lei de Eficiencia Xudicial.

Esta medida, que elimina unha das opcións máis accesibles para os matrimonios civís, obriga agora ás parellas a acudir a un notario ou a casarse nos concellos, onde en moitos casos deberán pagar unha taxa.

Nos concellos do Val Miñor, a posibilidade de casar sen custo varía. En Gondomar,  o matrimonio civil seguirá sendo gratuíto. En Nigrán, a taxa só se aplica se a voda se realiza nas dependencias municipais, pero é de balde se se oficia noutro lugar.

En Baiona, as vodas civís non son gratuítas e está previsto que o pleno municipal aborde a reforma da ordenanza para determinar os novos importes.

Mentres tanto, o Ministerio de Xustiza xa estuda posibles solucións para reverter esta situación, aínda que por agora as parellas do Val Miñor terán que asumir que casar no xulgado de paz xa non é unha opción.