O Val Miñor perde 246 habitantes: a carestía da vivenda frea a chegada de novas familias
O Val Miñor rexistra unha caída poboacional de 246 habitantes segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística. Gondomar descende de 15.181 a 15.109 (-72), Nigrán de 18.200 a 18.156 (-44) e Baiona de 12.496 a 12.366 (-130).
As cifras apuntan cara un escenario no que o acceso á vivenda se está a converter nun obstáculo real para a instalación de nova veciñanza, especialmente parellas e familias que buscan iniciar proxecto na comarca, onde os prezos de alugueiro e compra continúan elevados. A dificultade para atopar inmoble a prezo asumible complícase ademais pola presión turística e a escaseza de oferta dispoñible en alugueiro permanente.
En paralelo, concellos do Baixo Miño tamén experimentan descenso poboacional: Oia pasa de 3.075 a 3.062, Tomiño de 13.856 a 13.814, e A Guarda sitúase por debaixo dos 10.000 habitantes ao baixar de 10.064 a 9.994.
Pola contra, municipios da área como Vigo, Mondariz, Covelo, Mos ou O Porriño manteñen ou incrementan residentes, evidenciando dinámicas territoriais desiguais e unha maior capacidade de atracción nalgúns puntos da área metropolitana.
