O Val Miñor late en blancas e negras: nace Xabai, o club que une xeracións ao redor do xadrez
O Val Miñor conta desde este verán cun novo colectivo deportivo e cultural: o Club de Xadrez Xabai, impulsado por veciños da comarca co obxectivo de achegar este deporte mental a nenos, mozos e adultos.
O club estreouse nos campamentos de verán organizados polo Concello de Baiona, onde máis de vinte rapaces e rapazas participaron en partidas, obradoiros e dinámicas para aprender as bases do xogo e mellorar estratexias.
A experiencia tivo unha grande acollida, o que xa se traduciu en numerosas ofertas para impartir actividades extraescolares nos colexios da zona a partir do vindeiro curso.
Ademais, Xabai organiza encontros semanais no Casino de Sabarís, un espazo aberto tanto para socios como para persoas interesadas en coñecer o xadrez nun ambiente distendido. A súa intención é consolidar un calendario estable de partidas, torneos internos e charlas divulgativas sobre a historia e os beneficios deste deporte.
O presidente do club, Guillermo Penas, subliña que “o xadrez non só mellora a concentración e a memoria, senón que tamén fomenta valores como a paciencia, o respecto e a toma de decisións responsables”.
