O Val Miñor dá pasos decisivos en Granada cara á “cidade dos 15 minutos” con 4,4 millóns de fondos europeos
O deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís, participou en Granada nun encontro de traballo da Red de Iniciativas Urbanas (RIU) para avanzar na execución do Plan de Actuación Integrado (PAI) do Val Miñor: “A cidade dos 15 minutos”, un proxecto estratéxico liderado pola Deputación de Pontevedra.
A iniciativa contará cun investimento total superior aos 7,2 millóns de euros, dos que preto de 4,4 millóns proceden de fondos europeos FEDER concedidos no marco do Plan EDIL. O proxecto beneficiará directamente aos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán.
O obxectivo é transformar o Val Miñor nun territorio máis sostible, accesible e conectado, onde os servizos básicos estean ao alcance da veciñanza a menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta, reducindo desprazamentos innecesarios e mellorando a calidade de vida.
Nas xornadas abordáronse cuestións clave como a planificación das actuacións, o seguimento das operacións, a certificación do gasto e a coordinación co Ministerio de Facenda e coa Comisión Europea, aspectos fundamentais para garantir que os fondos europeos se executen con eficacia e dentro dos prazos establecidos.
Tourís destacou que se trata dun “proxecto estratéxico para o Val Miñor” e subliñou que a coordinación institucional resulta esencial para converter os recursos europeos en actuacións concretas nos tres concellos.
O plan estrutúrase en cinco eixes principais: mobilidade sostible, protección ambiental, recuperación do patrimonio cultural, mellora dos equipamentos públicos e humanización do espazo urbano. Entre as actuacións previstas figuran novas sendas peonís e ciclistas, recuperación de espazos públicos e intervencións de rexeneración ambiental que permitirán avanzar

