O Val Miñor alza a súa voz en Santiago na defensa da sanidade pública
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor foi protagonista este domingo en Santiago de Compostela, durante a multitudinaria manifestación convocada por SOS Sanidade Pública contra a privatización e o progresivo desmantelamento do Sergas.
Coa súa presenza organizada e activa, a plataforma miñorá liderou unha das numerosas delegacións da provincia, demostrando a súa capacidade de mobilización e o forte compromiso coa defensa dun sistema sanitario público e digno.
Máis dun cento de persoas desprazáronse desde Baiona, Nigrán e Gondomar en autobuses facilitados pola propia plataforma.
A marcha, percorreu as rúas compostelás desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro, entre consignas que reclamaban “máis persoal médico, menos listas de espera” e “non á sanidade privatizada”.
O Val Miñor leva anos sufrindo a falta de medios nos centros de saúde. A mobilización contou tamén co respaldo de sindicatos, colectivos sanitarios e partidos como BNG e PSdeG, nunha xornada que reuniu a milleiros de persoas de toda Galicia.