O Talaso Atlántico celebra 20 anos consecutivos de excelencia cos distintivos SICTED
O Hotel Talaso Atlántico, situado na costa de Oia e referente do turismo de saúde e benestar no Val Miñor e en toda Galicia, foi recoñecido un ano máis nos Premios SICTED da Deputación de Pontevedra, acadando xa dúas décadas consecutivas distinguido pola súa calidade no servizo ao visitante. Este mérito convérteo nun dos poucos establecementos da provincia que mantén esta traxectoria impecable, símbolo dun compromiso constante coa mellora continua e a excelencia turística.
A gala provincial celebrada este martes no Pazo da Toxeiriña, en Moraña, fixo especial mención ao Talaso Atlántico, un dos pioneiros na implantación do sistema de calidade turística promovido por Turespaña e que conta coa maior puntuación histórica entre os centros da súa categoría. O presidente da Deputación, Luis López, eloxiou a perseveranza do equipo humano do establecemento: “Este tipo de recoñecementos non son froito da casualidade, senón do esforzo diario por ofrecer unha experiencia única e inesquecible ao visitante”.
O Talaso, especializado en tratamentos mariños, programas de relax e escapadas saudables, forma parte da identidade turística das Rías Baixas e segue sendo un reclamo internacional grazas á súa aposta pola innovación, a sustentabilidade e o respecto polo medio. A súa presenza no listado dos 327 servizos turísticos da provincia distinguidos este ano co selo SICTED reforza o liderado da comarca do Val Miñor como destino de calidade.