BaionaGondomarNigranOiaTomiño

O Sergas apoia a Asociación Avelaíña con 17.890 euros para impulsar a prevención do suicidio

A Asociación Avelaíña recibiu unha subvención de 17.890 euros por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para levar a cabo o Programa Primeira Liña, unha iniciativa centrada na formación, sensibilización e prevención do suicidio.

O programa está dirixido a profesionais sociosanitarios e ás forzas e corpos de seguridade do Estado, co obxectivo de proporcionarlles ferramentas prácticas que lles permitan abordar de maneira máis eficaz esta problemática, especialmente relevante no contexto actual.

As accións desenvolveranse nas comarcas do Baixo Miñor, Val Miñor, O Condado, A Paradanta e no Concello de Salceda de Caselas, abarcando así unha ampla zona do sur da provincia de Pontevedra.

Con esta iniciativa, a Asociación Avelaíña reafirma o seu compromiso coa saúde mental, apostando por accións formativas que contribúan á detección precoz, á intervención eficaz en casos de condutas suicidas e ao fortalecemento da rede de apoio profesional e comunitaria.

A presentación do acto correu a cargo de Rafa Álvarez, xerente da entidade, seguido das intervencións institucionais dos alcaldes da zona e, finalmente, da charla principal a cargo de Olegaria Mosqueda.

Unha realidade preocupante

Segundo o Plan Nacional sobre Drogas, un de cada cinco adolescentes en España (20,5%) presenta signos de uso problemático de Internet, móbil ou redes sociais. Ademais, o informe “Salud mental y desigualdad de jóvenes en España” revela que case o 60% da mocidade española sufriu problemas psicolóxicos no último ano, e que o 48,9% tivo ideacións suicidas en algún momento de 2023.

Con este programa, a Asociación Avelaíña busca actuar de forma preventiva e educativa para reducir estes riscos e apoiar tanto aos profesionais como á comunidade na loita contra o suicidio.