O PSOE de Oia esixe á Xunta que cumpra cos compromisos e constrúa un centro de día no municipio
O PSOE de Oia reclama á Xunta de Galicia que cumpra cos compromisos adquiridos e poña en marcha o proxecto dun centro de día no municipio, unha infraestrutura que cualifican de “urxente e imprescindible” para garantir unha atención digna ás persoas maiores e dependentes.
As deputadas socialistas Elena Espinosa, Silvia Longueira e Patricia Iglesias, xunto co portavoz parlamentario José Ramón Gómez Besteiro, veñen de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei coa que demandan á Xunta unha partida orzamentaria específica e un calendario concreto para a construción e posta en marcha do centro.
Oia conta cunha poboación duns 3.000 habitantes, dos cales case un terzo supera os 65 anos. “Falamos dun concello rural, con dispersión xeográfica e unha poboación moi envellecida, onde moitas persoas viven soas ou dependen do coidado familiar. É urxente actuar”, subliñou Elena Espinosa.
A deputada advertiu que a falta deste servizo obriga a moitas persoas a desprazarse quilómetros para recibir atención diúrna, o que “agrava o illamento, incrementa a carga das familias coidadoras e impide desenvolver políticas de prevención e autonomía persoal”.
O PSOE lembra que xa en novembro de 2024 solicitou a inclusión dunha partida nos orzamentos de 2025 para iniciar o proxecto, “pero a día de hoxe nada se sabe”. Por iso, o grupo insiste en que o centro de día de Oia debe formar parte do Plan de Equipamentos Sociais da Xunta, e denuncia o “abandono do rural” por parte do Goberno galego: “É inadmisible que concellos pequenos, con poboación envellecida e gran dispersión, sigan esquecidos mentres se presumen investimentos noutras zonas máis visibles”.
O grupo socialista pide tamén que se defina a localización óptima do centro, preferiblemente nun núcleo ben comunicado, e que se comprometan prazos concretos para o inicio das obras e a súa posta en funcionamento.
Para o PSOE de Oia, este proxecto “non é só unha cuestión de servizo social, senón de xustiza territorial e de dignidade”. “A nosa veciñanza merece envellecer no seu propio municipio, con servizos próximos e de calidade”, conclúen as representantes socialistas.
