O psdeG-PSOE de Tomiño propón un uso social e non lucrativo para a Casa da Teonila
O grupo socialista presenta unha moción no pleno para abrir o espazo ás asociacións e á veciñanza, incluíndo unha sala de estudo e unha ordenanza de uso público.
O PSdeG-PSOE de Tomiño presentou no pleno municipal unha moción na que propón dar un uso social á recentemente rehabilitada Casa da Teonila, situada en Goián. A formación socialista rexeita que este espazo público, rehabilitado con fondos municipais, se destine a iniciativas privadas con fins lucrativos, tal e como chegou a plantexar o goberno local en 2024.
Na moción, o grupo insta ao Concello a facilitar o uso da Casa da Teonila ás entidades e asociacións sen ánimo de lucro do municipio, habilitar unha sala de estudo accesible para a cidadanía, e regular o uso do inmoble mediante unha ordenanza que garanta criterios obxectivos e transparentes.
Desde o PSdeG-PSOE lembran que “a administración local debe promover espazos de participación, cultura e apoio á veciñanza, e non poñelos ao servizo de intereses privados”. A proposta será debatida no próximo pleno da corporación.
