Tomiño

O PSdeG-PSOE de Tomiño alerta sobre vertidos contaminantes ao Miño en zona protexida de Goián

O PSdeG-PSOE de Tomiño vén de denunciar a existencia de posibles vertidos contaminantes ao río Miño na parroquia de Goián, nunha área incluída na Rede Natura 2000. Segundo os socialistas, detectouse a colocación dun sistema de recollida de augas residuais mediante arquetas conectadas a unha tubaxe que, de maneira encuberta, desemboca directamente no río.

Desde a formación socialista consideran esta actuación un “grave atentado medioambiental” e critican duramente a “permisividade e impunidade” do Goberno local. Subliñan a contradición do BNG, que recentemente solicitou unha rexeneración integral do Miño pero, segundo denuncian, “mira para outro lado cando as agresións veñen de intereses afíns”.

O PSdeG-PSOE reclama que se fagan públicas as licenzas, se existen, e en caso contrario, esixe a paralización inmediata da obra e a súa denuncia ante as autoridades competentes. Lembran que “non abondan as notas de prensa para salvar o Miño; hai que actuar con decisión e responsabilidade”.