O presidente do Gondomar CF pide unidade política para solucionar os problemas do campo municipal das Gaiandas.
O presidente do Gondomar Club de Fútbol fixo público un comunicado nos últimos días no que relata en primeira persoa o accidente acontecido no Campo Municipal das Gaiandas durante un partido de categoría cadete, no que cedeu parte dun muro da grada tras a celebración dun gol por parte dos xogadores locais.
Segundo explica, unhas 25 persoas víronse afectadas polo desprendemento, entre xogadores e afeccionados, e a maior parte delas saíron polo seu propio pé. Unicamente un xogador do club, Iago Gayoso, tivo que ser trasladado en ambulancia. O presidente quixo enviar unha mensaxe de ánimo e forza ao mozo deportista e á súa familia.
O comunicado tamén recolle o agradecemento á rápida intervención de afeccionados, familiares, membros do corpo técnico, directivos e do concelleiro de Deportes, José Manuel Chamorro, que se atopaba nas instalacións no momento do incidente. Así mesmo, destacou a eficacia dos servizos sanitarios e policiais.
Na segunda parte do escrito, o presidente do club puxo o foco na situación do campo municipal, do que di que “ten un enorme potencial, pero precisa dunha inversión urxente”. Lembra que foi grazas ao apoio do alcalde que se logrou instalar o céspede artificial, e critica que a oposición votara en contra desa mellora no pleno do 18 de abril de 2024. “Sorpréndeme que agora se preocupen pola instalación cando nunca antes se interesaron por ela”, apunta.
Nese mesmo pleno, engade, acordouse redactar un proxecto para a remodelación integral das Gaiandas. Por iso, esixe que tanto o goberno local como a oposición unan forzas para mellorar as instalacións e garantir a seguridade dos deportistas e da afección. “Non nos podemos permitir outro susto como este”, advirte.
O presidente conclúe expresando o seu desexo de retomar canto antes a actividade deportiva en condicións óptimas, e fai un chamamento á colaboración de todas as administracións, como xa se fixo noutros campos municipais e non municipais do Val Miñor.