O PP de Nigrán denuncia que o concello perde case o 40% da auga tratada
A auditoría do sistema de abastecemento revela que o municipio desperdicia o 39,98% da auga, o que equivale a 400 litros por cada 1.000.
O Partido Popular de Nigrán denunciou o “demoledor resultado” da auditoría realizada sobre o sistema de abastecemento municipal, que confirma que o concello perde un 39,98% da auga tratada.
“De cada mil litros, preto de catrocentos vanse literalmente polo sumidoiro”, lamentan os populares.
Nun contexto de seca xeneralizada en Galicia e con numerosos concellos adoptando medidas de aforro, a portavoz do PP nigranés, María José Pino Fernández, considera “inadmisible” que o goberno local “non teña posto en marcha medidas urxentes para frear esta sangría hídrica”.
“A auga non se perde soa: pérdese pola deixadez”, subliña Pino, quen esixe ao alcalde Juan González “unha xestión responsable, transparente e eficiente”.
O grupo popular reclama ao Concello a elaboración inmediata dun plan de actuación para reducir as fugas e mellorar o mantemento da rede, en coordinación coa empresa concesionaria Aqualia.
