Nigran

O PP de Nigrán acusa ao goberno local de perder máis de 130.000 € en subvencións para a praza da biblioteca

Os populares critican a “neglixencia” na xestión da axuda do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación e advirten que o Concello terá que asumir agora o custo con fondos propios

O Partido Popular de Nigrán denunciou este xoves a perda de 132.048,93 € por parte do goberno local ao non xustificar correctamente parte da subvención da Deputación de Pontevedra destinada á reforma da Praza da Biblioteca. A actuación, incluída no Plan Concellos 2022-2023, tiña un orzamento total de 373.708,83 €, que fora concedido integramente ao Concello.

Segundo o PP, o proxecto foi anunciado en medios de comunicación polo alcalde Juan González, pero só se xustificaron 241.659,90 € do total, e o Concello non presentou alegacións dentro do prazo de 15 días que outorgou a Deputación trala advertencia formal. Como consecuencia, esta administración provincial resolveu a perda definitiva do dereito ao cobro da contía restante.

A portavoz municipal do PP, María José Pino, considera este feito “un novo episodio de deixadez e incompetencia” por parte do executivo local:

“Non é asumible que se sigan perdendo subvencións por falta de supervisión. Aínda por riba, a Deputación amosou flexibilidade e concedeu unha prórroga, pero o Concello nin así cumpriu coas súas obrigas. Non é a primeira vez que ocorre, e ao alcalde parécelle dar igual que se teñan que pagar máis de 130.000 € con fondos municipais”.

O PP de Nigrán reclama ao goberno maior responsabilidade na xestión de fondos públicos e lembra que “gobernar non é só anunciar obras, senón xestionalas e facer un seguimento rigoroso delas, especialmente cando dependen de prazos e requisitos estritos”.