O PP de Gondomar critica a suba da taxa do lixo e adverte de incrementos importantes en algúns fogares
O grupo municipal do Partido Popular de Gondomar denunciou este xoves o que cualifica como unha “suba sorpresa e brutal” da taxa de recollida e tratamento de residuos urbanos, proposta polo goberno local que dirixe o socialista Francisco Ferreira.
Segundo explicou a portavoz popular, Paula Bouzós, o executivo convocou de maneira “urxente” un pleno extraordinario para o luns, 3 de novembro, no que se debaterá a modificación da ordenanza fiscal correspondente, coa que o PP asegura que se pretende aplicar un incremento medio do 73,75%.
Bouzós criticou que a medida “se leve a escondidas”, sen información previa nin diálogo cos grupos municipais nin coa veciñanza, e acusou ao alcalde de intentar “que pase o máis desapercibida posible ante o malestar xeral polo mal funcionamento do servizo”.
A portavoz popular destacou que o incremento afectará de forma xeral a todos os fogares, pasando a taxa anual das vivendas urbanas de 55 a 95,57 euros, e advertiu de que nalgúns casos o aumento será moito maior: aquelas casas situadas a máis de 150 metros dun colector, que ata agora pagaban 16,50 euros, deberán aboar tamén 95,57 euros, o que supón un incremento do 479%.
Así mesmo, o PP de Gondomar sinala que a proposta do goberno socialista contempla “importes estratosféricos” para diferentes actividades e negocios. Segundo as cifras difundidas polos populares, as cafeterías pagarían ata 434 euros anuais, os restaurantes chegarían aos 1.007 euros, os locais industriais a 686 euros, e os comercios ata 460 euros por exercicio.
“Agora que os partidos da esquerda se meteron nunha carreira por sablear aos veciños a conta dun servizo básico, non podía faltar Francisco Ferreira, sempre ao servizo do PSOE e nunca a favor de Gondomar”, declarou Bouzós, quen apelou á “responsabilidade” de todos os concelleiros para bloquear esta suba e abrir unha negociación que permita consensuar unha actualización máis xusta e proporcionada da ordenanza.
O pleno extraordinario convocado para o luns decidirá se prospera ou non a proposta do goberno local, que non conta con maioría absoluta na corporación.
