Gondomar

O PP acusa a Ferreira de “cinismo” por cobrar 80.000 euros anuais e votar contra investimentos en Gondomar

O grupo municipal do PP de Gondomar respondeu hoxe ás críticas do alcalde, Francisco Ferreira, sobre o soldo que percibirá a portavoz municipal e nova deputada provincial, Paula Bouzós. Os populares lembran que o rexedor recibe máis de 80.000 euros anuais entre o Concello e a Deputación, e acúsano de actuar “contra os intereses de Gondomar” por votar en contra de investimentos millonarios para o municipio.

Segundo o PP, Ferreira cobra “50.000 euros do Concello por facelo mal e 30.000 da Deputación por non facer nada de proveito por Gondomar”. Critican que o alcalde obedecese “coa cabeza agachada ás ordes do PSOE” ao opoñerse no pleno á modificación de crédito que permitiría destinar 900.000 euros do Plan Extra e 150.000 euros do Plan de Infraestruturas Deportivas ao concello.

“MENTIRAS DESCARADAS” SOBRE O SOLDOS

Os populares tamén cualifican de “mentira descarada” que Ferreira afirme que Paula Bouzós cobrará máis que os alcaldes de Vigo ou A Coruña ou que o presidente da Deputación. “Omite deliberadamente que estes tamén perciben asignacións e dietas, e mesmo Paula cobrará menos que o propio Ferreira”, apuntan.

Engaden que as dietas que cobra o alcalde en Pontevedra, “uns 2.500 euros mensuais”, forman parte dun acordo de todos os grupos da Deputación, incluído o PSOE, “algo que non pasou en Gondomar, onde Ferreira aprobou os soldos por decretazo, sen contar coas demais formacións, e pretendía regar de nóminas aos seus concelleiros para telos contentos”.

DEFENSA DA XESTIÓN DE PAULA BOUZÓS

O PP rebateu tamén as acusacións de Ferreira de que o novo cargo de Paula Bouzós non repercutirá en beneficios para Gondomar, lembrando que xa antes de ser deputada “xestionou axudas e colaboracións da Deputación con asociacións e colectivos abandonados polo Concello”.

Por iso, os populares aseguran que “os únicos soldos excesivos, prexudiciais e negativos para Gondomar son os que recibe o propio Ferreira, que bochornosamente votou contra máis dun millón de euros en investimentos por non enfrontarse ao seu partido”.

“28 MESES DE MANDATO PERDIDOS”

“Que deixe de facer oposición á oposición, que se deixe de cinismos e mentiras e se poña a traballar por Gondomar dunha vez, porque levamos 28 meses de mandato totalmente perdidos”, conclúen os populares.