Nigran

O poeta vigués afincado en Panxón, Víctor Pérez Estévez, acada o premio Francisco Añón co seu poemario máis íntimo.

O escritor e poeta Víctor Pérez Estévez, natural de Vigo e afincado en Panxón (Nigrán), resultou gañador do XXIX Certame de Poesía Francisco Añón, convocado polo Concello de Outes, coa obra Non plantaremos o millo en abril.

O poemario foi definido polo xurado como unha creación de gran carga emocional, que combina a vida cotiá co coidado e a memoria familiar, deixando “un regusto doce e amargo”. A obra conecta o universo persoal do autor coas vivencias herdadas, establecendo pontes entre xeracións a través dunha linguaxe coidada e afastada de fórmulas previsibles.

Víctor Pérez Estévez, nado en Vigo en 1972 e criado no barrio de Coia, conta cunha traxectoria sólida no eido da poesía galega. Ademais deste novo recoñecemento, xa fora premiado en diversas convocatorias literarias, consolidándose como unha das voces máis destacadas da poesía contemporánea en galego.

O premio está dotado con 1.500 euros e inclúe a publicación da obra no vindeiro ano, polo que Non plantaremos o millo en abril formará parte da oferta editorial galega en 2026.