Nigran

O Partido Popular de Nigrán critica o estado de abandono da praia de A Madorra e acusa ao goberno local de desatención

O Partido Popular de Nigrán denunciou publicamente o estado de abandono no que, segundo afirman, se atopa a praia de A Madorra, acusando ao goberno municipal de facer caso omiso ás queixas reiteradas dos veciños da zona. Segundo sinalan, a situación vén empeorando nas últimas semanas, sumando á xa habitual vexetación descontrolada a aparición de malos cheiros procedentes de augas fecais no areal, o que motivou, segundo indican, a intervención do SEPRONA en varias ocasións.

A portavoz municipal popular, María José Pino, lembra que esta problemática non é nova e critica a inacción do executivo local: “O alcalde Juan González anunciou hai máis dun ano nos medios que ía resolver os problemas da praia. Como é habitual, todo quedou en promesas incumpridas. O estado do areal segue sendo penoso, cun mantemento deficiente e sen saber sequera a orixe dos vertidos de augas fecais”.

Desde o PP local insisten en que esta situación é reflexo da deixadez xeral na limpeza e mantemento do municipio, algo que consideran especialmente grave no caso das praias en plena tempada estival. Alértanse, ademais, de que o mal estado dos areais pode supoñer un importante prexuízo económico para o comercio e a hostalería, sectores que dependen directamente do turismo e das persoas que escollen Nigrán como destino de vacacións.