BaionaGondomarNigranOia

O paro sobe lixeiramente en setembro no Val Miñor e Oia, aínda que mellora con claridade respecto ao pasado ano

O Val Miñor e Oia rexistraron en setembro de 2025 un leve incremento no número de persoas desempregadas tras o final da tempada estival, aínda que as cifras seguen reflectindo unha evolución moi positiva en comparación co mesmo mes do ano pasado.

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), os catro concellos da comarca suman 1.940 persoas en paro, fronte ás 2.164 rexistradas en setembro de 2024, o que supón 224 persoas menos (-10,3%) no último ano.

Baiona pechou setembro con 515 desempregados, 43 máis que en agosto (+9,1%), pero 50 menos que en setembro de 2024 (565), o que representa unha baixada interanual do -8,8%.

Nigrán rexistra 692 persoas en paro, 21 máis que o mes anterior (+3,1%), pero 100 menos que hai un ano (792), unha caída do -12,6%.

Gondomar mantén 619 desempregados, a mesma cifra que en agosto, pero 76 menos que en setembro de 2024 (695), o que supón un descenso do -10,9%.

Oia, pola súa banda, sobe ata 114 persoas sen emprego, 12 máis que en agosto (+11,7%), aínda que practicamente repite os datos de hai un ano (112 en 2024, +1,8%).

En conxunto, a comarca presenta as mellores cifras de emprego nun mes de setembro desde 1996, consolidando a tendencia positiva que se vén observando ao longo de 2025.

A nivel autonómico, Galicia pechou setembro con 110.437 persoas desempregadas, un lixeiro aumento mensual do 0,7%, pero a cifra máis baixa rexistrada nun mes de setembro desde 2008, o que confirma o bo comportamento do mercado laboral galego.