O nigranés Antón Escobar, protagonista no ascenso da Cultural Leonesa á Segunda División
O fútbol do Val Miñor está de noraboa. O nigranés Antón Escobar Tapias forma parte do cadro da Cultural e Deportiva Leonesa, equipo que esta fin de semana selou o seu ascenso á Segunda División, a categoría de prata do fútbol español. O equipo leonés acadou o obxectivo logo de empatar 1-1 co FC Andorra no estadio Reino de León, poñendo fin a sete anos de ausencia do fútbol profesional.
Antón Escobar, formado na Escola Deportiva Val Miñor e con pasado nas categorías inferiores do RC Celta, comezou a súa traxectoria profesional no CD Choco. Ao longo dos anos pasou por equipos como o Polvorín FC, o Coruxo FC, o Bergantiños, o CD Arenteiro e o Real Unión Club, antes de fichar pola Cultural Leonesa no verán de 2024.
Na súa primeira tempada no club castelán, o xogador nigranés soubo aproveitar cada minuto sobre o terreo de xogo. Con moita entrega e olfato goleador, pechou a campaña cunha media destacable: un gol cada 123 minutos disputados. Goles que, en partidos chave como o enfrontamento fronte ao Nàstic de Tarragona, resultaron decisivos para manter vivas as opcións do ascenso.
O seu traballo silente, o compromiso e a capacidade de resposta nas oportunidades que lle brindou o adestrador fixeron de Antón Escobar un exemplo de superación e constancia. Aos seus 26 anos, vive un dos momentos máis doces da súa carreira profesional e faino representando con orgullo a súa vila natal.
Desde Nigrán, familiares, amigos e afeccionados ao fútbol celebran o éxito dun dos seus, que con esforzo e humildade acadou o soño de formar parte dun equipo de Segunda División.