Baiona

O multiusos de Sabarís acolle a XVII edición do mercado de arte

Máis de 60 artistas expoñen máis de 500 obras nun evento único en Galicia con entrada gratuíta

O Mercado de Arte de Sabarís celebra este ano a súa décimo sétima edición no Multiusos da parroquia baionesa, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do Val Miñor. O evento abrirá as súas portas o venres 16 de maio de 17:00 a 21:00 h, e continuará o sábado 17 e o domingo 18 de maio de 11:00 a 21:00 h, con entrada libre para todo o público.

A exposición contará coa participación de máis de 60 artistas, entre pintores, escultores e fotógrafos, tanto profesionais como emerxentes, a maioría procedentes da comarca e da provincia de Pontevedra. O formato do evento, que ofrece a cada artista un espazo individual de 6 m², permite unha interacción directa co público, favorecendo o diálogo entre creadores e visitantes.

A mostra reúne máis de 500 obras de arte e destaca polo seu carácter innovador e orixinal, sendo a única con estas características en Galicia, centrada exclusivamente en pintura, escultura e fotografía. O obxectivo é dar visibilidade aos artistas locais e achegar a expresión artística á cidadanía, especialmente en contornas rurais onde estas disciplinas non son habituais.

No marco do Mercado, o sábado 17 celebrarase o III Certame de Pintura Rápida “Rizo Solveira”, onde os artistas inscritos retratarán distintos recunchos de Sabarís entre as 10:00 e as 18:00 h. O domingo 18 terá lugar un encontro da comunidade Urban Sketchers, tamén nos arredores do mercado.

O evento está organizado por COEMSA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís) e OVALMI, coa colaboración do Concello de Baiona e ABANCA.