Oia

O mosteiro de Oia, entre o silencio e a memoria: lembrando o seu pasado como campo de concentración

Hoxe, Galicia lembra ás vítimas da represión franquista, e o eco desa memoria resoa con forza nos muros do Mosteiro de Santa María de Oia. O que hoxe é un dos monumentos máis fermosos da costa galega agocha tamén unha das páxinas máis escuras da nosa historia recente: entre 1937 e 1939, o cenobio foi convertido nun campo de concentración que chegou a albergar arredor de 1.400 presos en 1939, aínda que cando chegaron barcos a Baiona, os efectivos superaban con creces a capacidade do edificio, pensado para 250 persoas, provocando un extremo hacinamento e elevadas taxas de mortalidade.

As condicións eran infrahumanas: os presos durmían amontoados, con pouca comida e sen hixiene. O frío, a humidade constante e a falta de atención médica contribuían a enfermidades graves e á morte de moitos internos. Entre aqueles que sobreviviron, a memoria de 18 anos de reclusión perviveu no caso de Joan Salvador Castellá, recoñecido como o último preso vivo do mosteiro, falecido en 2020.

Mais tamén entre aquelas paredes xurdiu a resistencia. Os presos deixaron gravados nos muros nomes, datas, símbolos e mensaxes de esperanza, pequenos testemuños dun anhelo de liberdade que resistiu ao esquecemento. Estes grafitos, recuperados e preservados nas últimas décadas, converten o Mosteiro de Oia nun espazo de memoria viva, onde a historia se escribe tanto nas pedras como nas ausencias.

O Concello de Oia e colectivos de memoria histórica reivindican que este lugar sexa recoñecido como Espazo de Memoria Democrática, para garantir a súa protección e o seu valor educativo. Neste Día da Memoria, lembrar Oia é lembrar a todos os homes e mulleres que sufriron a represión por defender ideais de liberdade e xustiza. Os seus nomes, escritos nas pedras do mosteiro, seguen sendo unha chamada á dignidade e á paz.