O miñorán Pedro Fernández ‘Dro’ fai historia co Barcelona e conquista a UEFA Youth League en Nyon
O nigranés Pedro Fernández Sarmiento, coñecido futbolisticamente como ‘Dro’, viviu este Luns un dos momentos máis especiais da súa carreira ao proclamarse campión de Europa sub 19 coa canteira do FC Barcelona.
O mozo de Camos formou parte do equipo xuvenil, e xogou 10 minutos no partido no que o Barcelona se impuxo con contundencia ao Trabzonspor (1-4) na final da UEFA Youth League, celebrada na cidade suíza de Nyon.
O partido apenas pudo ser seguido na pantalla debido o apagón, nembargantes a ledicia foi a mesma entre amigos, familiares, veciños e no seu club de orixe.
Fernández, criado nas filas do Val Miñor, entrou en xogo nos últimos dez minutos do encontro e puido compartir sobre o céspede a celebración dun título que sitúa ao Barça como o club máis laureado desta competición continental de categorías inferiores. O equipo catalán amosou a súa superioridade con goles de Diarra, Cuenca e Hugo Alba, nun partido que confirmou o gran momento da súa canteira.
Dende a súa chegada á Masía no 2022, ‘Dro’ non deixou de medrar como xogador. A tempada actual está sendo especialmente intensa para el, alternando convocatorias co xuvenil A e o filial, e deixando boa mostra do seu talento tamén coa selección española sub-17, coa que marcou recentemente en torneos internacionais.
O éxito de Pedro non pasou desapercibido na súa vila natal nin no Val Miñor, club no que se formou e onde deixou pegada desde moi novo.