Gondomar

O gondomareño Alberto Meira remata segundo na Mariña Lucense malia os contratempos mecánicos.

O piloto gondomareño Alberto Meira, acompañado por Lino Martínez, acadou a segunda posición no Rallye Mariña Lucense 2025, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Rallyes Recalvi, a bordo do seu Skoda Fabia RS Rally2.

A pesar dos problemas mecánicos sufridos no último treito da mañá, Meira amosou a súa veteranía e carácter competitivo para manterse entre os mellores e rematar a só 51,3 segundos dos gañadores, Senra e José Murado, que dominaron a proba de principio a fin co seu Hyundai i20N WRC.

Tras un abandono inesperado no pasado Rallye de Noia, Meira regresou con forza, demostrando que continúa sendo unha das grandes referencias do automobilismo galego. A súa actuación permítelle manterse no grupo de cabeza do Supercampionato R5 Pirelli – Recalvi.

O podio completouno a parella formada por Dani Berdomás e Brais Mirón (Hyundai i20 N Rally2), que viron como un pinchazo na primeira pasada por Xove os afastaba da loita polo triunfo, rematando a máis de tres minutos do líder.

Os cinco primeiros clasificados pecháronos David González – Gustavo Piris e Alberto Otero – Jordán Vázquez, moi distanciados dos primeiros postos.