O Foro Da Muller Rural Galega Homenaxea A Mulleres De Val Miñor E Oia Pola Súa Traxectoria
Dolores Estévez, Susana Rodríguez, Raquel Gómez, Diana Muñoz e Josefina Branco, exemplos de esforzo, tradición e dedicación que fortalecen a comunidade.
O V Foro da Muller Rural Galega, organizado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia-Suroeste Euro Rural, celebrouse o pasado 17 de outubro na Cidade Deportiva Afouteza (Mos) para recoñecer a labor de mulleres que contribúen a manter vivas as raíces e a dinamizar o seu territorio.
Entre as homenaxeadas estiveron Susana Rodríguez, do Restaurante Rocamar; Raquel Gómez e Diana Muñoz, da Somosterra Sociedade Cooperativa Galega de Nigrán; Josefina Branco, da Perruquería Barber Fina Branco de Oia; e Dolores Estévez, da tradicional Alimentación Loli de Gondomar. Todas foron recoñecidas pola súa traxectoria profesional, o seu compromiso coa comunidade e a súa contribución á vida social e económica da zona.
O foro, que conmemora cada ano o Día da Muller Rural (15 de outubro), converteuse nun espazo de encontro onde se compartiron experiencias e se visibilizaron as realidades e desafíos das mulleres que traballan e viven na comarca. Tras a lectura do manifesto, o acto pechouse coa entrega de recoñecementos ás homenaxeadas, nunha xornada cargada de emoción e orgullo compartido.
Desde a organización destacaron que esta iniciativa busca dar visibilidade a mulleres que apostan polo seu territorio, demostrando que se pode vivir, emprender e transformar a comunidade, e que, unidas, son un motor de progreso e cohesión para a zona.

