Baiona

O Erizana xógase medio ascenso en Vigo ante o Colexio Hogar

O Erizana Club de Fútbol afronta este domingo ás 17:00 horas un dos partidos máis importantes da tempada. O conxunto de Baiona visita en Vigo ao Colegio Hogar Afundación nun duelo directo polo ascenso na Segunda Futgal.

O equipo erizanista chega ao encontro como líder da clasificación con 42 puntos, seguido moi de preto polo propio Colexio Hogar con 40 e polo CD Mosende, terceiro clasificado con 39. Con nove xornadas aínda por disputarse despois desta, o resultado pode marcar un punto de inflexión na loita polo ascenso.

Un triunfo do Erizana permitiríalle ampliar a súa vantaxe sobre os seus perseguidores e dar un paso moi importante cara ao ascenso directo. Neste campionato, os dous primeiros equipos ascenden directamente, mentres que o terceiro clasificado debe disputar unha eliminatoria de playoff.

Ademais, o conxunto de Baiona chega ao partido coa confianza do resultado da primeira volta, cando se impuxo con claridade por 5-1 ao Colexio Hogar.

No grupo tamén compiten equipos da comarca como o CD Vincios, que ocupa a sexta posición, e o Gondomar Fútbol Base, sétimo clasificado.

Tras o inesperado descenso da pasada tempada, o Erizana ten como gran obxectivo regresar canto antes á Primera Futgal, e o encontro desta tarde en Vigo pode ser un dos pasos máis importantes nese camiño.