Nigran

O equipo do Pesca I rescata a dúas persoas atrapadas no Islote de Pedra, en Nigrán

Dúas persoas foron rescatadas esta tarde no Islote de Pedra, en Nigrán, despois de que un particular, desde o Miradoiro de Monte Lourido, alertase ao 112 Galicia ao velas pedindo auxilio con aspaventos.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia mobilizaron a Salvamento Marítimo e á Policía Local de Nigrán, que xa tiña constancia da situación. Os axentes sospeitaban que unha das persoas podía estar ferida, xa que apenas se vía e parecía estar deitada, mentres que a outra desaparecía intermitentemente da visión, como se acudise a atendela.

Salvamento Marítimo informou de que o helicóptero Pesca I xa estaba en voo e, pouco despois, confirmou o rescate das dúas persoas, que foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Polo menos unha delas presentaba diversos golpes.