O descubrimento do fortín estratéxico de Tomiño xa é unha realidade
O proxecto “Fortalezas da Fronteira” vén de confirmar que a fortaleza de As Torres, en Taborda (Tomiño), corresponde a un fortín de defensa construído polos portugueses no século XVII, durante a Guerra de Restauración. O achado, froito das últimas escavacións, xa é unha realidade histórica contrastada.
O enclave, situado nun emprazamento elevado, tiña como misión o control das rutas que unían A Guarda con Tui e Tui con Baiona, converténdose nunha peza clave do dispositivo militar portugués na fronteira.
A investigación documenta con claridade o acceso á fortificación, con restos dun parapeto defensivo que sostivera unha empalizada de madeira. Ademais, identificouse unha plataforma de acceso ao interior e un complexo defensivo con dous foxos e unha contramuralla, que reutilizaban antigas trincheiras romanas de extracción de ouro adaptadas a necesidades militares do século XVII.
O estudo tamén confirma o uso de granito local e cantos rodados do Miño como materiais de construción, empregados tanto no parapeto como no revestimento dalgunhas zonas.
A campaña, realizada do 8 ao 16 de setembro coa colaboración da Comunidade de Montes da parroquia e dun Campo de Voluntariado da Xunta de Galicia, permite afirmar que se trataba dunha batería fortificada portuguesa levantada arredor de 1666, destinada ao control e defensa da zona de paso entre Goián e Tui.
