O CPA Gondomar, subcampión do mundo en Pequín
O Club de Patinaxe Artística Gondomar volve situar o nome do municipio entre a elite mundial deste deporte. O equipo gondomareño proclamouse subcampión do mundo no Campionato celebrado en Pequín, só por detrás do AS Cunit, que se fixo co título.
O CPA Gondomar asinou unha actuación brillante, consolidándose como un dos clubs de referencia a nivel internacional. O seu exercicio, cheo de forza, precisión e creatividade, foi moi aplaudido polo público e recoñecido polo xurado cunha das puntuacións máis altas da competición.
Ademais, o cuarteto júnior do CPA Gondomar tamén logrou un excelente resultado, rematando na cuarta posición, moi preto do podio, nunha categoría de altísimo nivel onde o Artistic Skating Cunit ocupou o quinto posto.
O Mundial de Patinaxe Artística, que se celebra estes días en Pequín, baixará o pano mañá coa participación dos Cuartetos Sénior, Grupos Show Pequenos e Grupos Show Grandes, nas que se agardan novas exhibicións espectaculares.
O Concello de Gondomar xa felicitou ao club polo seu éxito, subliñando o enorme traballo, dedicación e talento que hai detrás deste novo logro deportivo que enche de orgullo a toda a vila.
