Gondomar

O Concello e o CEIP Neira Vilas traballan conxuntamente para impulsar novas melloras educativas en Gondomar

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, mantivo unha reunión coa dirección do CEIP Neira Vilas co obxectivo de coordinar diversas melloras e actuacións de mantemento e conservación nas instalacións do centro educativo. O encontro tivo como finalidade optimizar os servizos ao alumnado e ao profesorado, ademais de definir novas liñas de colaboración entre o colexio e o Concello no ámbito educativo e social.

Durante a reunión abordáronse diferentes propostas, entre elas a participación do centro en programas de voluntariado e actividades curriculares complementarias promovidas desde o consistorio. Estas iniciativas buscan reforzar valores como a convivencia, a sustentabilidade e a cooperación no seo da comunidade escolar.

O rexedor destacou a importancia de manter unha comunicación fluída e constante cos centros educativos do municipio, co fin de atender as súas necesidades e garantir unhas instalacións seguras, modernas e acordes ás esixencias actuais.