O concello defende a aplicación igualitaria das ordenanzas ante a denuncia do BNG de represalias pola retirada de cartelería
O BNG acusou ao goberno de Paco Ferreira de represalias pola retirada da cartelaría coa que denunciaba problemas de seguranza viaria en varias parroquias. Porén, o Concello de Gondomar afirma que a actuación responde unicamente ao incumprimento da Ordenanza Municipal de Convivencia e Medio Ambiente, que prohibe expresamente colocar publicidade en báculos do alumeado, barandas, marquesiñas, sinais de tráfico e outros elementos públicos.
Segundo o executivo, foi a Policía Local quen trasladou a denuncia tras detectar infraccións claras. Desde o Concello lembran que “todos somos iguais ante a lei” e que, do mesmo xeito que calquera veciño pode ser sancionado por vulnerar as normas, os partidos políticos deben dar exemplo e cumprir as ordenanzas que eles mesmos aprobaron en pleno, incluído o BNG.
O goberno municipal considera “demagóxicas” as acusacións de persecución política da voceira nacionalista Manuela Rodríguez e subliña que a Alcaldía limitouse a cumprir a súa obriga: abrir un expediente, nomear un instructor imparcial e tramitar o procedemento administrativo correspondente, como se fai en calquera caso similar. O Concello insiste en que quen incumpriu a normativa foi o BNG e que o proceso é estritamente administrativo, non político.
