O concello de Oia recoñece o esforzo do alumnado cos seus primeiros premios á excelencia académica
O Concello de Oia vén de convocar a primeira edición dos Premios á Excelencia Académica, unha iniciativa coa que se busca recoñecer publicamente o esforzo e a dedicación ao estudo do alumnado durante o curso 2024-25.
En total, entregaranse tres premios en cada unha das catro categorías educativas establecidas: Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de grao medio. As persoas galardoadas recibirán un agasallo e un diploma acreditativo, cun valor económico que varía segundo a etapa e o posto acadado:
- Primaria e Secundaria: 200 € para o primeiro premio, 100 € para o segundo e 50 € para o terceiro.
- Bacharelato e FP de grao medio: 300 € para o primeiro premio, 200 € para o segundo e 100 € para o terceiro.
Requisitos de participación
Para optar aos galardóns, o alumnado deberá estar empadroado en Oia desde o inicio do curso 2024-25, ter rematado a etapa correspondente (6º de Primaria, 4º da ESO, 2º de Bacharelato ou 2º curso de FP de grao medio) e acadar unha nota media mínima de 9 puntos.
As bases completas e o modelo de solicitude están dispoñibles na sede electrónica do Concello, e o prazo de presentación permanecerá aberto entre o 1 e o 30 de setembro. No caso de menores de idade, a solicitude deberá formalizala a nai, o pai ou a persoa titora legal.
Entrega pública de premios
As candidaturas presentadas serán avaliadas por unha comisión técnica de valoración, que emitirá un informe cos resultados. O proceso culminará cun acto público institucional de entrega de premios, no que o Concello renderá homenaxe ao mérito e ao esforzo do alumnado.
