O Concello de Oia organiza a ruta guiada “O día que Oia tremeu” o 1 de novembro
O Concello de Oia conmemora o 270 aniversario do histórico terremoto de Lisboa cunha actividade especial titulada “O día que Oia tremeu”, unha ruta guiada interpretativa que se celebrará o sábado 1 de novembro ás 11.00 horas.
A iniciativa propón un paseo de arredor de seis quilómetros pola contorna do barrio do Arrabal, os arredores do Mosteiro de Oia e o Camiño Portugués da Costa, durante o cal se explicarán as consecuencias que aquel forte sismo de 1755 tivo na localidade.
Ao longo do percorrido, as persoas participantes poderán coñecer como era a Oia do século XVIII, os danos materiais provocados polo tremor e as vivencias da veciñanza nunha xornada marcada polo estupor, o medo e a incerteza.
A actividade, guiada por Amodo Turismo, é de balde, pero con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente. As persoas interesadas poden anotarse a través do correo electrónico patri@amodoturismo.com ou no teléfono 677 783 296. O prazo de inscrición remata o xoves 30 de outubro, e co rexistro facilitarase a información sobre o punto de encontro.
En caso de mal tempo, a actividade será aprazada.
