O concello de Oia busca integrar o Talaso Atlántico na legalidade sen poñer en risco o medio ambiente nin a súa economía
O Oia activou a vía xudicial para tentar evitar, polo menos de forma parcial, o derrubo do Talaso Atlántico, sobre o que pesa unha orde de demolición desde 2009 por falta de licenzas. A pasada semana, un requirimento xudicial obrigou ao Concello a esixir á empresa propietaria a execución do derrubo nun prazo de dez días.
Tras unha reunión de urxencia, os servizos xurídicos municipais decidiron presentar un recurso de reposición, alegando que se está a tramitar un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) co que se pretende legalizar parcialmente as instalacións. A alcaldesa, Cristina Correa, sostén que o plan está na súa fase final e pide que se agarde pola súa resolución.
Aínda así, desde o goberno local lembran que este recurso non paraliza a obriga de comunicar o derrubo á propiedade. O plan municipal pasa por adaptar o complexo para que a actividade de talasoterapia poida ter encaixe legal, aínda que iso implique modificar parte da estrutura.
A situación remóntase a 2009, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal a licenza concedida en 2003 por construír en solo protexido. En 2013, o Tribunal Supremo confirmou a orde de derrubo.
O Concello advirte do impacto económico que suporía executar a sentenza, xa que podería asumir o custo da demolición e indemnizacións millonarias, comprometendo seriamente as súas contas.
