O CONCELLO DE OIA AMPLÍA E RENOVA OS PARQUES INFANTÍS DE TORROÑA E VILADESUSO INVESTINDO 32.309 EUROS
O espazo biosaudable de Torroña reconvertiuse en parque infantil e no Eirado de Viladesuso ampliouse e renovouse a zona de xogos
O Concello de Oia acometeu recentemente varias actuacións para mellorar e ampliar espazos dedicados a parques infantís no municipio.
En Viladesuso, renovouse e ampliouse a zona de xogos do Eirado, mentres que en Torroña transformouse o parque biosaudable existente nun novo espazo infantil para nenos e nenas.
Concretamente, en Torroña realizáronse traballos de substitución do pavimento de caucho e instaláronse tres xogos infantís: un bambán bipraza con asentos mixtos, un balancín dobre e unha torre con tobogán.
No Eirado de Viladesuso, retiráronse os xogos antigos, preparouse o firme e colocouse pavimento de caucho continuo. Ademais, instaláronse tres xogos novos (resorte, tobogán e bambán) e construiuse un peche perimetral para mellorar a seguridade.
Estas actuacións supuxeron un investimento total de 32.309,06 euros, financiados mediante o Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á anualidade 2024, e con fondos propios do Concello.
A alcaldesa, Cristina Correa, subliña que estas obras responden a unha demanda veciñal e permiten que os nenos e nenas dispoñan de espazos seguros e axeitados para o xogo. “Seguimos traballando para mellorar os equipamentos públicos en todas as parroquias. Os parques están xa operativos desde hai varias semanas para desfrute das crianzas”, destacou a rexedora.

