O concello de Nigrán retoma o reparto de trampas para avispas velutinas entre a veciñanza ao rematar o período de hibernación.
O Concello de Nigrán vén de adquirir 250 novas trampas para avispas velutinas co fin de repartilas de xeito gratuíto entre a veciñanza, coincidindo co remate da hibernación das raíñas, momento clave para evitar a expansión desta especie invasora.
Os dispositivos están dispoñibles na Oficina de Información Cidadá e na Conserxería municipal en horario de 9:00 a 13:30 horas. Ademais do aparello, entregarase tamén o líquido atraínte ou a receita para preparalo na casa: 5 litros de auga, 2 kg de azucre, 25 gramos de lévedo de pan e un vaso de vinagre.
As trampas funcionan con feromonas que atraen as velutinas e deben revisarse cada quince días para retirar os insectos capturados. Desde 2017, o Concello leva repartidas preto de 3.000 unidades entre os veciños, consolidándose como unha das administracións máis activas na loita contra esta praga.
O concelleiro de Sanidade e apicultor afeccionado, Alfonso Vázquez, explicou que o período comprendido entre abril e xuño é o máis eficaz para capturar raíñas, antes de que comecen a formar os niños. “Cada raíña capturada significa un niño menos e, por tanto, miles de exemplares menos no futuro”, apuntou, sinalando que el mesmo leva xa capturadas 30 só este mes.
O alcalde, Juan González, quixo recoñecer publicamente o compromiso e dedicación do edil: “A tenacidade de Alfonso Vázquez é clave para que en Nigrán se estea a reducir a presenza desta especie invasora. Recibe chamadas directas da veciñanza cada semana para retirar niños, pese a que esta responsabilidade corresponde á Xunta”.