O concello de Nigrán recibe a escultura de José Molares que renderá homenaxe aos peregrinos na Ramallosa
A peza foi recepcionada hoxe polo Concello á espera da autorización para instalala na Alameda da Ramallosa despois de que a Xunta rexeitase a petición de ubicala na rotonda
Nigrán recibiu este martes a monumental escultura realizada polo prestixioso artista José Molares, que renderá homenaxe aos peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. A figura, de bronce, mide 2,30 metros de alto por 1,30 de ancho e 1 de fondo, e representa a unha peregrina en plena travesía.
A obra permanecerá gardada en dependencias municipais ata obter o permiso da Xunta para a súa colocación na Alameda da Ramallosa, fronte ao Centro da Terceira Idade, despois de que se denegase a súa ubicación na rotonda próxima á ponte do Miñor.
“Será un emblema de Nigrán que nos vinculará máis aínda co Camiño Portugués pola Costa; resulta verdadeiramente espectacular, estamos abraiados co traballo”, sinalou o rexedor ao descubrir a escultura xunto ao propio Molares.
O proxecto, cun investimento de 77.000 € procedentes do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, foi impulsado pola Asociación de Empresarios Ovalmi, que trasladou ao Concello a idea de levantar unha peza que simbolizase a entrada do Camiño en Nigrán.
Veciño da Ramallosa e artista de proxección internacional, José Molares é tamén autor de obras tan coñecidas como a adicada a Julio Verne en Vigo. “Pareceunos máis que acertado que un artista nigranés de fama mundial como José Molares fose quen materializase esta idea, como foi tamén o caso da muralista baionesa Lula Goce coa súa ‘Dona do Esteiro’”, engadiu o alcalde.
O Concello lembra que o Camiño Portugués pola Costa superou este 2025 os 36.000 peregrinos, consolidándose como un dos motores turísticos da localidade. Nesa mesma liña, Nigrán promove a web www.caminonigran.com, reparte chuches inclusivas elaboradas por Minimelis e financia cursos de inglés básico para profesionais da hostalaría.
“Todas estas iniciativas contribúen a construír unha imaxe amable e hospitalaria de Nigrán, que é o que queremos que transmitan á súa volta a casa”, subliñou o rexedor.
