Nigran

O Concello de Nigrán propón á Xunta un convenio para arranxar as beirarrúas de Priegue e A Ramallosa

O alcalde de Nigrán, Juan González, trasladou á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, a necesidade urxente de mellorar as beirarrúas destas zonas, deterioradas dende hai anos e obxecto de constantes queixas da veciñanza.

No encontro, celebrado en Vigo, o rexedor propuxo a sinatura dun convenio entre ambas administracións, no que a Xunta achegaría o 70% do investimento e o Concello o 30%, asumindo posteriormente a titularidade das rúas. “A conselleira informoume de que sería factible este convenio, e a nós parécenos perfecto”, explicou González.

Ademais desta cuestión, na xuntanza tamén se abordou a proposta do Concello para ceder á Xunta un terreo municipal de 2.370 m² no centro urbano, destinado á construción de vivendas protexidas. “Mínimo estamos a falar de oito vivendas que nos gustaría que se destinasen preferentemente á mocidade de Nigrán que non se pode emancipar por cuestións económicas”, engadiu o alcalde.

“Saín satisfeito deste encontro porque todas as nosas demandas foron recibidas con moi boa disposición, así que agora poñémonos a traballar para que de verdade se materialicen”, concluíu o rexedor.